Wednesday 15 de May de 2024

Acometidas obras de mellora en dous centros educativos da Pobra por un valor aproximado de 40 000 euros


Dous centros de ensinanza da Pobra do Caramiñal foron obxecto de intervencións de distinta natureza na recta final deste 2022. A concelleira da Educación, Genoveva Hermo (Nós Pobra), explica que con esta serie de actuacións se continúa na senda de lles dar resposta ás necesidades das institucións educativas do municipio para facilita-lo desenvolvemento da súa actividade e garantir unhas instalacións en óptimas condicións para docentes e estudantado.

No CEP Pilar Maestú Sierra procedeuse coa reforma do chan do ximnasio mediante a colocación dun estrado de vinilo e zócolo. Operouse tamén en varias escaleiras do colexio: no interior renovouse a lámina vinílica en tres tramos, mentres que no exterior se forrou toda unha escalinata con baldosa hidráulica. Cambiouse, ademais, a liña de acometida de auga xeral. O investimento total acada os 20 000 euros.

Doutra banda, na unitaria do Vilariño substituíronse catorce fiestras da planta baixa e efectuáronse reparacións eléctricas por un importe global que supera os 20 000 euros.